Monday 29 de April de 2024

Fernández Munín destaca que “Galiforest tense consolidado en Boqueixón como o gran espazo de negocio do sector forestal”


O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, participou esta mañá na inauguración da sexta edición de Galiforest Abanca, destacando que este evento “tense consolidado en Boqueixón como o gran espazo de negocio e o punto de encontro do sector forestal na Península Ibérica”. O alcalde desexoulles unha boa feira ás máis de 370 firmas expositoras participantes, “todo un récord que demostra a importancia do sector forestal en Galicia e a súa potencialidade de cara ao futuro”.

Fernández Munín aproveitou tamén para convidar aos expositores e asistentes a que coñezan Boqueixón. “So tendes que achegarvos polo Centro de Interpretación do Pico Sacro, en Lestedo, e aló vos informarán e mesmo vos farán unha visita guiada e de balde”, apuntou o alcalde, quen ademais lles recomendou “desfrutar dos nosos excelentes viños e augardentes, da afamada tarta de Lestedo e o premiado Bo Queixo de Orto, así como outros manxares típicos galegos”.

Manuel Fernández Munín participou esta mañá no acto de inauguración desta feira xunto ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o director xerente da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.